Novos Cinemas acollerá o primeiro foco dedicado a Katrin Rothe, pioneira na animación por Internet
Por Redacción
A escritora, directora e produtora Katrin Rothe visitará Novos Cinemas e será a protagonista da sección FOCO. O festival de Pontevedra presenta o primeiro monográfico dedicado á obra cinematográfica da cineasta alemá en toda a Península cunha aproximación ao seu particular universo creativo. Durante os días 16 e 17 proxectaranse dúas longametraxes, 1917-The Real October e Johnny & Me - A Journey Through Time With John Heartfield, que se asemellan a un díptico sobre o compromiso individual e ideolóxico das persoas en momentos históricos tan convulsos como violentos; ademais de dous das súas curtametraxes, Until Grass Grows e Skizzenflm- 50 Jahre Robotrom.
Katrin Rothe é unha das pioneiras na realización da animación para Internet en Alemaña. Rothe dirixe medios e documentais nos que fusiona ficción, documental e animación, mostrando unha versatilidade única na narración cinematográfica.
Dous proxectos que pasaron polo Novos Cinemas #LAB serán os protagonistas da Apertura e Clausura na oitava edición do festival. O director vigués Carlos Martínez-Peñalver abrirá o festival o martes 12 de decembro coa súa primeira película, Á procura da estrela (2023), mentres que o peche será o domingo 17 coa longametraxe Cando toco un animal, do redondelano Ángel Filgueira. As dúas obras vivirán a súa estrea en Galicia.
O cineasta Carlos Martínez Peñalver filma na Serra da Estrela este traballo a medio camiño entre o documental e a ficción. Coa producdión de OMEN e María Zimbro, e co traballo de Lucía C. Pan na fotografía, a película participa neste mes de novembro nos festivais de Xixón, sección Tierres en tranceso e no Porto/Post/Doc na sección oficial Cinema Falado. En 2020 gañou o premio Kniloux en L'Alternativa (Barcelona), mentres que en 2021 logrou o Arché no Porto/Post/doc e o Films en Cours en Entrevues (Belfort, Francia).
Cando toco un animal, esta longametraxe de ficción dirixido por Ángel Filgueira logrou os premios Openegam, Impulso creativo e premio do público na pasada edición do D’A Film Festival (Barcelona). A película, primeiro proxecto tamén para a produtora Sétima, de Ánxos Fazáns e Silvia Fuentes, é un drama romántico que explora as relacións amorosas contemporáneas a través do triángulo amoroso que forman Mariña, Alba e Tomás.
Dentro da sección #ENCONTROS, un foro mediante o que Novos Cinemas fomenta o diálogo e as sinerxias entre diferentes sectores vinculados ao mundo cinematográfico, ofrécese unha aproximación a varios traballos.
O día 14 ás 12:00 na Casa das Campás, o cineasta Víctor Soho, que acaba de triunfar no L’Alternativa, presentará as primeiras imaxes de Adolescencia infinita.
O 15 de decembro ás 11:00 na Casa das Campás, Tiago Vieira da Silva, profesor da ESAP – Escola Superior Artística do Porto, un dos centros de educación e formación audiovisual máis importantes de Portugal, expoñerá as liñas mestras do seu programa académico e investigador. Ese mesmo día ás 12:30, o equipo do festival moderará un Encontro que explorará a relación entre a produción cinematográfica independente e o cinema emerxente, acto no que participarán Luís Campos (produtor, realizador e guionista de Portugal) e Silvia Cruz (produtora e distribuidora de Brasil), Beli Martínez (produtora). Pola tarde, ás 17:30 en O Sanatorio, Katrin Rothe, protagonista da sección FOCO, completará a súa presenza no festival cun taller-atopo no que compartirá a súa singular maneira de concibir os seus proxectos cinematográficos. O día 16 ás 12:00 Bruno Arias compartirá as primeiras imaxes de Vos espazos en branco.
Desde #AULA+NOVOS propoñeranse tres actividades: un encontro entre ou cineasta galego César Souto e o alumnado do bacharelato artístico de Pontevedra; unha matinal deseñada para o alumnado da ESO e o bacharelato na que revisarán unha película mítica; e, por último, un taller que profundará sobre o oficio de figurinista, impartido polas imaxinativas colegas de taller aberto.
Relacionadas:
-
Carlos Martínez-Peñalver: "Estar en Novos Cinemas é como volver á casa cos deberes feitos"
Por Alejandro Espiño |
-
Novos Cinemas, o festival que busca "subir un chanzo máis" coa súa oitava edición
Por Alejandro Espiño |
-
Berio Molina asina a cabeceira da Edición 08 de Novos Cinemas
Por Redacción |
-
Trece películas, sete delas estreas en España, competirán nun Novos Cinemas "bastante equilibrado"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Novos Cinemas #8 vai desenvolverse entre o 12 e o 17 de decembro
Por Redacción |