O cinema en clave feminina protagoniza a nova AUGAL, a 'master class' do audiovisual galego
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A Casa das Campás acolleu este luns a presentación da 13ª edición de AUGAL, Master Class do Audiovisual Galego, que arranca este martes na Facultade de Comunicación cunha sesión centrada na longametraxe 'O corpo aberto', da realizadora Ángeles Huerta.
A Xunta de Galicia e a Universidade de Vigo organizan este programa, dirixido tanto a estudantes como a profesionais do sector, que nesta nova entrega ten un especial acento feminino a través dos títulos escollidos para analizar os procesos creativos e técnicos do cinema e a televisión que se fan en Galicia.
Na presentación desta nova edición de Augal participaron o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil; a vicerreitora de Comunicación da Universidade de Vigo, Mónica Valderrama; a decana da Facultade de Comunicación, Emma Torres, e Paulino Pérez, profesor desta facultade e coordinador de AuGAL xunto con Miguel Anxo Fernández.
Nas súas intervencións, subliñaron a dobre vertente desta iniciativa, que combina a súa finalidade formativa arredor dos procesos creativos e de produción coa oportunidade de difusión que supón para o audiovisual galego a través da apertura das súas oito sesións ao público xeral de xeito gratuíto.
Ao tempo, tamén destacaron a ollada feminina das producións escollidas, tendo a principal referencia a Cuncha de Ouro do Festival de San Sebastián para 'O corno', de Jaione Camborda, quen intercambiará impresións cos asistentes á xornada do 21 de febreiro.
No caso de 'O corpo aberto' será presentada polo seu produtor, Gaspar Broullón, así como a 'Salta!', de Olga Osorio, quen estará en Pontevedra o 28 de febreiro.
Este protagonismo feminino reflíctese tamén nas historias que abordan as longametraxes 'Cando toco un animal', de Ángel Filgueira, quen intervirá na sesión do 19 de decembro canda ás produtoras Silvia Fuentes e Anxos Fazáns, e 'Matria', de Álvaro Gago, que centrará a xornada de clausura o 27 de marzo, así como a serie 'Motel Walkirias', que presentará o seu director, Ghaleb Jaber Martínez, o 6 de marzo.
OITO SESIÓNS E UN OBRADOIRO
En Pontevedra poderán verse tamén os traballos do concurso 'A Canteira', organizado pola Facultade de Comunicación, o 12 de decembro; e as curtas 'Antes de que se poña o sol', de Nani Matos; 'A entrevista', de Fernando Tato, e 'Amanece la noche más larga', de Carlos Fernández de Vigo, o 7 de febreiro.
Esta 13ª edición inclúe un obradoiro de guión a cargo de Sara Varela, baixo o título Creación dun microrrelato, con sesións os días 1 e 15 de decembro e 9 de febreiro.
Todas as citas de AuGAL terán lugar na Facultade de Comunicación, no campus da Xunqueira, en horario de tarde.