A BTT Camiños de Barro aspira a estrearse con máis de 300 ciclistas
Por Redacción
Unha nova proba ciclista popular conta as horas para a súa estrea. Trátase do I BTT Camiños de Barro, que se celebrará o vindeiro domingo 17 de decembro.
Farao baixo a organización do Club Ciclista Ribadumia e do Concello de Barro para unha ruta con dúas opcións, de 32 e 40 quilómetros de lonxitude respectivamente con saída e chegada na contorna do Pazo da Crega, en San Antoniño.
A distancia curta contará cun desnivel cumulado aproximado de 800 metros, mentres que a longa irase aos 1.200 metros de desnivel acumulado.
O I BTT Camiños de Barro conta cun límite de 400 prazas, e aspira a completar máis de 300 inscricións a través da páxina web da Federación Galega de Ciclismo.
A xornada contará ademais cun aliciente final para os deportistas, xa que un tramo de subida de 600 metros ao Monte Acibal coñecido como 'O inferno de Perdecanai', ao 16% de desnivel, será cronometrado con recompensas para os mellores tempos.