A Xunta explica aos clubs pontevedreses como beneficiarse do Bono Deporte
Por Redacción
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, xunto ao xefe territorial de deportes, Daniel Benavides, mantivo este xoves un encontro cos clubs deportivos de Pontevedra para explicarlles como acceder ao Bono Deporte que a administración autonómica poñerá ao dispor das familias para partir do 8 de xaneiro.
Nunha reunión celebrada no salón de actos do edifico administrativo da Xunta en Pontevedra, lembrouse aos clubs que poderán acceder ao bono todas as familias con nenos e nenas de entre 6 e 16 anos que estean federados ou rexistrados no programa escolar Xogade.
O Bono Deporte, cunha achega de 120 euros por deportista, conta cun orzamento de máis de 16 millóns de euros que permitirá ás familias sufragar o 80% do gasto nas compras de material de equipamento deportivo ou o custo da asistencia a clases de actividades deportivas.
Cada familia poderá descargar un Bono Deporte por cada fillo a partir de 8 de xaneiro e ata o 29 de febreiro, salvo que se esgote antes o crédito do programa, a través da web bonodeporte.gal. Unha vez descargado poderá empregarse ata o 1 de xullo.