Xornada lúdica e deportiva coa final do cros provincial Xogade
Por Redacción
Máis de 1.300 nenos e nenas de segundo a sexto de primaria participaron este xoves na final do Cross Provincial Xogade.
A proba celebrouse na contorna da antiga fábrica azucreira de Portas e contou cun percorrido de entre os 500 e os 1.400 metros en función da categoría.
O alumnado, pertencente a media centena de centros escolares de toda a provincia, puxo a proba todo o mellorado nos adestramentos para finalmente competir contra os seus compañeiros nunha carreira lúdica, pero sobre todo beneficiosa para a saúde.
Neste senso, a iniciativa está encadrada dentro do programa Xogade, que busca levar o exercicio físico e a práctica deportiva aos centros escolares, ofrecendo unha alternativa cómoda e accesible ás familias que non teñen a oportunidade de fomentar o deporte fora do centro escolar.
Á cita acudiu o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, que sinalou o enorme avance de Xogade nos últimos anos e lembrou que "cada vez son máis os centros que se dan conta dos beneficios deste programa".
Ademais, destacou os beneficios do deporte especialmente nos máis pequenos, cun "papel fundamental" á hora de favorecer o rendemento escolar.