Empate do TM Monte Porreiro fronte ao Irún para arrancar o ano na Superdivisión masculina
Por Diego Espiño & Cristina Saiz
Repartición de puntos para o Tenis de Mesa Monte Porreiro na súa primeira xornada de 2024 da Superdivisión Masculina.
O conxunto pontevedrés recibía para iniciar o ano no pavillón de Príncipe Felipe o Irún Leka Enea, e facíao afectado pola baixas de homes importantes como Nico Galvano e André Silva, que obrigaba a recorrer a un home da casa como Nacho Fernández.
A pesar das dificultades, o Visit Pontevedra puxo o encontro ao seu favor co triunfo inicial en cinco mangas de Martín Betancor sobre o visitante Petyo Krastev. Nacho Fernández cedía despois no seu primeiro enfrontamento, pero Miguel Ángel Vílchez e de novo Martín Betancor aseguraban canto menos o empate vencendo a continuación e colocando o 3-1.
Faltaba un punto máis e Vílchez rozouno nun competido partido contra Petyo Krastev, pero esta vez a moeda saíu cruz no desempate e o Irún terminou empatando o duelo co triunfo de Jon Guerricabeitia no choque final fronte a Nacho Fernández.
Ao final repartición de puntos que, iso si, permite ao Monte Porreiro conservar o seu terceiro posto na clasificación da máxima categoría, aínda que empatado a puntos co propio Irún e co Arteal compostelán.