Os menores de 15 anos poderán entrar gratis en Pasarón no partido ante o Laracha
Por Diego Espiño
Aproveitando o mellor momento da tempada para o primeiro equipo granate, a dirección do Pontevedra Club de Fútbol quere recuperar a asistencia perdida ao Estadio Municipal de Pasarón.
Con ese obxectivo dende as oficinas do club anunciáronse importantes descontos para o partido do próximo domingo ante o Laracha (16:30 horas).
Nese encontro os menores de 15 anos poderán entrar de balde na bancada sur do estadio, simplemente ensinando o seu Documento Nacional de Identidade.
Esta medida esténdese aos equipos deportivos e grupos escolares, podendo contactar os seus responsables a través do teléfono 986 846 783 ou nas propias oficinas.
Ademais a entidade lerezana decidiu ampliar unha semana máis a medida pola que os socios poderán etirar ata dúas entradas para acompañantes a metade de prezo.
PARTE DE LESIONADOS
O inicio do traballo semanal para o primeiro plantel trouxo consigo os problemas de David García e Kevin Presa derivados do esforzo realizado en Bertamiráns.
A participación de ambos os dous no próximo encontro non está en principio comprometida, pois mentres o primeiro non se adestrou a causa dunha tortícole, o dianteiro si o fixo pero a menor ritmo por padecer unha leve distensión isquiotibial.
O único futbolista que segue á marxe do grupo é Luismi, que continúa traballando en recuperarse dos seus problemas de menisco.