Presentan o primeiro Trail Laxe dos Bolos, co que Caldas quere presumir de natureza
Por Redacción
Nace unha nova proba deportiva en Caldas de Reis, e faino coa intención de facer lucir a riqueza cultural e paisaxística do municipio e da súa contorna.
Trátase do I Trail Laxe dos Bolos, evento que foi presentado este luns e que se celebrará o domingo 21 de abril como carreira puntuable para o campionato galego da especialidade e incluído no calendario internacional de 'trail running'.
O tenente de alcalde e responsable municipal de Deportes do Concello, Manuel Fariña, e un representante da Federación Galega de Atletismo, Iván Sangiao, explicaron que a primeira ediciónd o Trail Laxe dos Bolos contraá con tres modalidades. A primeira será o 'Desafío Xiabre' con 27 quilómetros de lonxitude e máis de 1.500 metros de desnivel, a segunda será o 'Trail Santa María', con apenas 8 quilómetros e 350 metros de desnivel, e por último proponse a 'Andaina popular de Segade', co mesmo percorrido curto que a anterior modalidade.
O obxectivo, sinalou Fariña, é "poñer en valor puntos tan fermosos como a Contorna de Segade ou o Monte Xiabre, absoluto descoñecido dentro do propio municipio, ao que queremos sacar todo o partido que poidamos para facer de Caldas un concello de referencia dentro do mundo dos deportes de montaña e tamén para o turismo de natureza".
"En 8 quilómetros percórrense case todos os monumentos naturais do monte de Santa María, pásase pola ponte romana de Segade, pola fervenza e os muíños, e logo remátase á beira do río Umia en zona do Camiño de Santiago. Creo que de todas as probas que hai en Galiza en ningunha se consigue reunir en tan pouca distancia tanta beleza cultural e paisaxística", afirmou pola súa banda Iván Sangiao.
Un dos retos, aseguraron, será chegar á contorna do medio milleiro de participantes, sendo posible xa inscribirse na web www.carreirasgalegas.com.