O Marín Futsal sofre un novo revés na Raña (4-7)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz
O Marín Futsal segue afundíndose na parte baixa da clasificación despois de caer goleado na Raña fronte ao Futsal Alcantarilla. O conxunto local empezou perdendo e logrou remontar para colocarse 3-1, pero os erros defensivos e o asedio das murcianas foron claves no resultado final.
Empezou o partido costa arriba para o Marín Futsal, que se atopou co gol en contra no primeiro minuto de xogo. Xa avisara o Alcantarilla desde a esquina e esta vez non perdoou. Disparo raso desde tres cuartos de campo de Carrasco, Patri Arruti estirouse, pero o balón foi demasiado axustado ao pau e acabou entrando.
Non se renderon as de Ramiro Díaz e non tardaron en igualar a contenda tras un tempo morto solicitado polo técnico. Saque de banda en campo rival e boa triangulación entre todas as xogadoras. O esférico chegou a Débora Lavrador, que se revolveu en defensa e xutou ao interior da rede.
O Marín quería máis e atopou o premio tras un saque de esquina. Chute de Pedreira entre os tres paus e Café tocou o xusto para desviar a traxectoria do balón e facer o 2-1 cando se alcanzaba o ecuador do primeiro tempo.
Quería velocidade o Alcantarilla pero nada lle estaba saíndo. As locais, pola contra, estaban moito máis acertadas tanto en ataque como en defensa e atopábanse co 3-1 minutos despois. Débora interceptou un pase atrás do equipo rival en primeira liña, plantouse diante da gardameta e bateuna por baixo.
Parou o tempo o técnico do conxunto murciano e foi a falta de dous minutos para o descanso cando se atoparon co 3-2. Mery aproveitou un erro no pase de Gis e enchufó o esférico na rede cun bo disparo cruzado a media distancia.
Despois do paso polos vestiarios todo cambiou para o Marín Futsal, que se viu superado a pesar de saír coa mesma intensidade que no primeiro tempo.
E é que aos cinco minutos da segunda parte, un novo erro en defensa castigouno o Alcantarilla con outro gol. Mal despexe, disparo afastado que tentou cortar Café, o rexeite deu na cabeza de Mari e Patri Arruti non chegou a tapar. Foi o 3-3.
Ademais, co paso dos minutos o equipo murciano foise sentindo máis cómodo e confiaba na remontada, mentres o Marín sufría con cada chegada dun rival que non tardou en voltear o resultado aproveitando unha superioridade numérica. As visitantes combinaron en campo rival ata atopar espazo, disparo desde a esquerda que deu no poste e Miriam cazou o rexeite en boca de gol para subir o 3-4. E sen tempo para analizar o mazazo, Lydia foise pola esquerda, cedeu a Ana Belén e esta fixo o 3-5 que afundiu ás locais.
Parou o tempo Ramiro Díaz e apostou polo xogo de cinco a falta de aínda 10 minutos para a conclusión, pero a pesar dos intentos de remontar, o balón caeu a Irene Carrasco e desde campo propio xutou e anotou o 3-6 a portería baleira.
Reduciu diferencias Café a pouco máis de catro minutos para o final, pero noutro erro na superioridade numérica, Anita fixo o definitivo 4-7.
Consulta a acta nesta ligazón
Relacionadas:
-
O Marín Futsal arranca un empate con garra (2-2)
Por Redacción |
-
Sorpresa na Raña coa goleada do Marín Futsal ao Alcorcón (6-1)
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
A final da Copa Galicia entre Poio Pescamar e Marín Futsal xogarase no pavillón de Príncipe Felipe
Por Redacción |
-
O último tren cara ao play-off do Poio Pescamar pasa por Alcorcón
Por Redacción |
-
Contundente derrota do Marín Futsal contra o Melilla Torreblanca (7-1)
Por Redacción |
-
Poio Pescamar e Marín Futsal vencen a Burela e Castro e cítanse na final da Copa Galicia
Por Diego Espiño |
-
O Marín Futsal roza a sorpresa no Sequelo fronte ao potente Futsi Atlético (3-4)
Por Redacción |