Máis de 150 deportistas participarán na primeira Copa Deputación Tatami Sports
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, acompañado polo deputado de Xuventude e Reto Demográfico, Jorge Cubela, e José Manuel Santiago e Antonio Garrido, presidentes da Asociación de Boxeo de Pontevedra e a Hong Muay Thai Academy, presentaron no Pazo Provincial a primeira edición da Copa Deputación 2024 de Tatami Sports.
Tal e como anunciaron, a competición celebrarase o día 23 de marzo no Pavillón Municipal de Cerdedo, nunha xornada na que participarán máis de 150 deportistas chegados de distintos puntos de Galicia, con idades comprendidas entre os 4 e os 40 anos divididos en catro categorías. Esta disciplina deportiva inclúe as modalidades de competición point fight, light contact, kick light e K1 light.
Estes catro campionatos coroarán aos campións da Copa Deputación 2024 destas modalidades de boxeo.
Para completar a programación, no mesmo escenario e no mesmo día celebrarase o Campionato Galego de kick boxing, unha competición na que tamén colabora a Deputación e que é puntuable para a clasificación para os campionatos nacionais que se celebran en Guadalaxara no mes de xuño.