O PSOE cualifica de "inxustificable" a saída de Pontevedra do circuíto de carreiras populares Ponle Freno
Por Redacción
A pesar de que fora confirmada como sede na presentación oficial do circuíto, Pontevedra non acollerá este ano 2024 unha proba do circuíto de carreiras populares Ponle Freno, evento que trata de concienciar sobre a necesidade de mellorar a seguridade viaria.
Naquela presentación fixábase o 29 de xuño para repetir experiencia na Boa Vila, do mesmo xeito que os últimos anos, pero unha vez pechado o prazo de presentación de cidades candidatas Pontevedra desapareceu do calendario do circuíto.
Esta situación foi criticada este martes por parte do Partido Socialista local e o seu portavoz, Iván Puentes, cualificando como "inexplicable" a ausencia da cidade.
"Parece que o goberno local tomou a decisión de saír do circuíto sen ningún tipo de comunicación formal ou de explicación ao respecto dun cambio de opinión. Un plantón que ademais, segundo nos consta, xerou importantes problemas á organización, que xa tiña toda a axenda, estratexia de comunicación e compromisos comerciais programados", sinala Puentes.
Para o representante do PSOE resulta "incomprensible a desidia mostrada cun evento deportivo que, ademais de ser unha das clásicas máis esperadas e apreciadas do calendario de carreiras populares de Pontevedra, representa como poucos os valores do noso modelo de cidade".