Cadeado á portería do Pontevedra seis xornadas despois
Por Diego Espiño
Ademais de tres puntos de ouro, sobre todo polos tropezos dos seus rivais directos, o triunfo do Pontevedra Club de Fútbol fronte ao Real Avilés deixou unha estatística especialmente positiva para os granates, que recuperaron a solidez defensiva da que facían gala na primeira metade da tempada.
Despois de seis xornadas sen conseguilo, o equipo granate deixou a súa portería a cero, e fíxoo ademais sen apenas conceder ocasións en todo o partido.
Neste aspecto o conxunto adestrado por Yago Iglesias destacou no inicio de liga polo seu bo facer non só ofensivo, senón polos poucos goles que encaixaba. Edu Sousa chegou a encadear catro xornadas consecutivas sen encaixar (entre a xornada 5 e a 8), e deixou a súa meta a cero ata en nove ocasiones antes das vacacións de Nadal.
Con todo a tendencia cambiou coa entrada no novo ano. O Pontevedra seguía sacando os partidos adiante pero facíao sempre, ou case sempre (en Langreo arrincou un 0-0), con algún gol en contra. De feito, antes de recibir o Avilés, os granates só lograran deixar a cero a súa meta nunha das nove xornadas disputadas en 2024.
Co cadeado botado á súa portería as vitorias vólvense máis próximas para os da Boa Vila, xa que só quedaron tres xornadas sen marcar no que vai de liga, todas elas con empates sen goles (Rayo Cantabria na casa e Ourense e Langreo fóra).
Outra estatística destacada tras o choque contra o Avilés é a prolongación unha semana máis da boa serie goleadora de Charly López, xa que suma seis encontros seguidos anotando.
QUINTA AMARELA DE CHURRE
A única mala noticia que deixou o último encontro para o Pontevedra foi a quinta cartolina amarela da tempada vista por Víctor Vázquez 'Churre', o que a falta de ratificación por parte do Comité de Competición faralle ser baixa para o próximo duelo ligueiro, o do domingo 17 de marzo no campo de Rayo Cantabria.
Neste aspecto, o das tarxetas, só un futbolista granate atópase actualmente apercibido de sanción. Trátase do capitán Álex González.
Relacionadas:
-
Empate con sabor a derrota do Pontevedra ante o Rayo Cantabria (2-2)
Por Almu Dapena |
-
Nace unha asociación cultural e deportiva de ex xogadores granates
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Con Samu Mayo "ao 100%" para visitar o Rayo Cantabria
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra, a por un dos ascensos máis caros desde que existe a Segunda RFEF
Por Diego Espiño |
-
Mario Gómez: "Creo que Ourense e Zamora van deixar poucos puntos"
Por Diego Espiño |
-
Yago Iglesias, sobre o triunfo ante o Avilés: "Doulle moito mérito ao meu equipo"
Por Redacción |
-
Golpe encima da mesa do Pontevedra contra o Avilés e recuperación do liderado (2-0)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |