Claudio Giráldez, de xogar con 21 anos no Pontevedra a chegar a Primeira como adestrador aos 36
Por Diego Espiño
Hai un novo adestrador en Primeira División, e é un ex xogador do Pontevedra Club de Fútbol.
Con só 36 anos, Claudio Giráldez converteuse este martes no novo adestrador do Real Club Celta, tras a destitución de Rafa Benítez.
O ata o de agora técnico do filial celeste en Primeira RFEF, onde tiña ao seu equipo quinto e en zona de play-off de ascenso, deu un paso máis na súa meteórica carreira nos bancos, só cinco anos despois de retirarse como futbolista en activo.
Como xogador o porriñés actuaba de lateral esquerdo, e tras pasar por canteiras da talla de Real Madrid e Atlético de Madrid, foi unha das apostas do Pontevedra Club de Fútbol para a tempada 2009-2010 na Segunda División B.
Claudio aterraba en Pasarón con 21 anos e tras participar o ano anterior en 35 encontros co segundo equipo colchoneiro.
Na súa primeira tempada, con Roberto Aguirre primeiro e Pablo Alfaro despois no banco, compartiu protagonismo con Noel Alonso na súa demarcación xogando 13 partidos de liga, 12 deles como titular.
Un ano despois mantívose no plantel, no fatídico curso 2010-2011 que acabaría co descenso a Terceira División. Foron esa liga 22 participacións, con 16 encontros como titular e o seu único gol como granate.
En total Giráldez xogou no club de Pasarón 35 partidos de liga, abandonando a Boa Vila con 22 anos para pasar despois polo CD Ourense, Coruxo e Porriño Industrial, co que competiu cinco campañas en Preferente antes de colgar as botas con soamente 31 anos.
Iniciou entón unha carreira nos bancos que foi meteórica, subindo categorías na canteira do Celta de Vigo desde o seu segundo equipo xuvenil para pasar depsués polo xuvenil de División de Honra e polo filial de Primeira RFEF, co que destacou estas dúas últimas campañas chegando a situar momentaneamente o filial no liderado da categoría e xogando a tempada pasada o play-off de ascenso a Segunda División.
Nese periplo visitou nunha ocasión o Estadio Municipal de Pasarón como adestrador. Foi no empate 1-1 da pasada campaña na oitava xornada do campionato en Primeira RFEF.