Habilitan un segundo autobús gratuíto para acompañar o Pontevedra en Santiago de Compostela
Por Redacción
A 'Marea Granate' completou, en 24 horas, as prazas dispoñibles no autobús que o Pontevedra puxo ao dispor dos seus afeccionados para acompañar o equipo no seu encontro fronte ao Compostela no Estadio Vero Bote San Lázaro o vindeiro domingo 14 de abril (16.30 horas).
Por ese motivo, a entidade de Pasarón decidiu habilitar un segundo autocar, tamén de balde, para acudir ao choque.
A viaxe organizada partirá o propio día do partido ás 15.00 horas desde o Pavillón Municipal dos Deportes, ao que se sumarán multitude de seguidores pontevedreses que planean desprazarse pola súa conta ata a capital de Galicia dada a transcendencia do partido, no que o Pontevedra pode dar un paso de xigante cara ao ascenso.
Os interesados en anotarse na viaxe en autocar ou en comprar entradas soltas para o Compostela-Pontevedra poden facelo nas oficinas do Estadio Municipal de Pasarón ata o venres en horario de 9.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas.
O custo das entradas no sector destinado a afeccionados pontevedreses é de 15 euros, mentres que os menores entre 3 e 16 anos deben pagar 5 euros.