Primeiros pasos da nova xunta directiva do Club de Tenis Pontevedra
Por Redacción
O Club de Tenis Pontevedra foi recibido este martes 16 de abril no Concello tras a renovación da súa xunta directiva.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a edil de Deportes, Anabel Gulías, intercambiaron impresións cos novos xerentes da entidade, tras a saída da directiva que encabezaba ata o pasado mes de marzo Enrique Domínguez Lino.
Andrés Martínez Astor é o novo presidente do Club de Tenis Pontevedra, e na súa presentación ante a institución local estivo acompañado por Antonio José Silva e Juan Pablo Álvarez como responsables da escola de tenis da entidade, e tamén por Rafael Ceresuela como xerente do Club de Tenis.
A formación de deportistas, as instalacións e os eventos como o torneo Pontevedra Internacional Junior Tenis U14, que se organizará por segundo ano do 16 ao 24 de setembro, foron algúns dos temas a tratar.