Remontada do Marín Futsal para crer na permanencia (2-4)
Por Redacción
Tras o descanso pola disputa da fase final da Copa da Raíña, a actividade nos terreos de xogo regresou coa celebración dunha nova xornada dunha Primeira División Feminina de fútbol sala que está a entrar na súa recta final con tan só seis xornadas por disputarse.
En xogo está a permanencia para o Marín Futsal, que se está tomando moi en serio o seu traballo e está a pelexar con uñas e dentes en todos e cada un dos partidos para conseguir o premio de manterse un ano máis na máxima categoría do fútbol sala feminino español.
E con esa intención saltou este sábado á cancha do AE Les Corts, ao que superou por un 2-4 que lle permite confiar en que o seu obxectivo é máis que factible.
En canto ao enfrontamento, as primeiras en adiantarse no marcador foron as marinenses, que estiveron moi insistentes durante os instantes iniciais do encontro e tiveron polo menos tres oportunidades para conseguilo. Con todo, foi no minuto 5 cando o lograron por medio de Gi Portes, que cazou un rexeite morto de Irati e enchufó o esférico na rede para subir o 0-1.
O empate chegou aos quince minutos de xogo tras un roubo de Laura Oliva a Pedreira, a xogadora local marchouse polo centro, encarou a Patri Arruti e no man a man bateuna por abaixo.
Despois do paso polos vestiarios, o Lles Corts, presionando a saída de balón marinense, logrou voltear o resultado por medio de Paula Guix, que o tentou cun primeiro disparo que despexou a gardameta visitante, cazou o rexeite e á segunda foi a vencida para anotar o 2-1.
Sen tempo para festexar, o Marín Futsal reaccionou nada máis sacar de centro. Apertura á esquerda e pase da morte ao segundo pau onde apareceu Carolina Pedreira para volver empatar.
Aínda quedaban máis da segunda metade por disputarse e as xogadoras adestradas por Ramiro Díaz querían a vitoria. Con todo, non foi ata alcanzado o minuto 35 cando o conseguiron por medio de Gi Portes tras un gran pase de Carolina Bravo.
Optou o cadro catalán polo xogo de cinco, pero o Marín Futsal aguantou o empuxe rival e sentenciou no último minuto cun gran contragolpe de Débora Lavrador que ela mesma materializou.
Consulta a acta nesta ligazón
Relacionadas:
-
Apagamento do Marín na recta final e perda de dous puntos vitais (4-4)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
O Marín Futsal, a piques de sorprender o líder Burela (3-4)
Por Cristina Saiz & Almu Dapena |
-
O Poio Pescamar logra a súa cuarta Copa Galicia ao vencer o Marín Futsal nunha final intensa
Por Anxo Lourido |
-
O Marín Futsal arranca un empate con garra (2-2)
Por Redacción |
-
Sorpresa na Raña coa goleada do Marín Futsal ao Alcorcón (6-1)
Por Redacción & Cristina Saiz |