300 regatistas internacionais participarán na Junior World Championship de Vilagarcía
Por Redacción
Do 14 ao 21 de xullo, Vilagarcía de Arousa converterase no punto de referencia da vela coa celebración do Junior World Champioship das clases 49er, FX e Nacra 17, modalidades olímpicas.
Este martes presentábase no Centro Galego de Vela este campionato que se disputará na Ría de Arousa, con participación intercontinental que trasladará a Vilagarcía a máis de 300 regatistas de 25 nacionalidades distintas, pertencentes a catro continentes.
Á presentación asistía Diego Calvo, conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deporte; José Ramón Lete, secretario xeral para ou Deporte; Alberto Varela, alcalde de Vilagarcía; Luisa Sánchez, vicepresidenta da Deputación; a directora da Autoridade Portuaria do Porto de Vilagarcía, Begoña Mesejo; e o presidente e vicepresidente da Real Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde e Pedro Piñeiro, entre outras autoridades.
Begoña Mesejo manifestaba que é un "orgullo" esta celebración no porto de Vilagarcía nunhas instalacións "froito da colaboración das administracións converténdose nun referente internacional". Engadiu que era de suma importancia esta actividade de integración entre o porto e a cidade para facilitar o desenvolvemento de actividades e promocionando o deporte.
Pola súa banda, Luisa Sánchez destacaba que a ría de Arousa acollerá os "mellores regatistas do mundo destas tres categorías. Pontevedra é unha provincia de campións e de organizadores de grandes eventos".
O vicepresidente da Xunta, pola súa banda, felicitaba o traballo desenvolvido pola Real Federación galega de Vela e destacou que os regatistas son "os nosos mellores representantes" ao levar a bandeira de Galicia por todo o mundo.
O alcalde Alberto Varela finalizaba o acto subliñando as posibilidades que ofrece a ría de Arousa para a práctica deste deporte e recoñecendo o traballo tanto da Federación como do centro de tecnificación deportiva, ao que cualificou como "un dos mellores de España". Na mesma liña manifestárase Manuel Villaverde ao considerar un "local marabilloso" o espazo que a Xunta de Galicia destina para a formación do deporte da vela en Vilagarcía.
Relacionadas:
-
A 'Regata da Muller' disputarase na Ría de Arousa esta fin de semana como Campionato de España Feminino por Autonomías
Por Redacción |
-
Presentada a 'Copa Mörling' de dornas a vela, que dará comezo o 17 de xuño en Portonovo
Por Redacción |
-
As promesas da vela olímpica nacional rétanse en augas arousás pola Copa de España de 420
Por Redacción |
-
As promesas da vela galega levan a súa preparación física ao laboratorio
Por Redacción |