O Meeting Internacional de Marsella, próxima parada de Bea Gómez Cortés
Por Diego Espiño
Bea Gómez Cortés continúa coa súa preparación de cara ás grandes citas da tempada, o Campionato de España Open de Primavera, que se disputará en Palma de Mallorca do 10 ao 13 de abril, e o Europeo de Berlín en verán.
A nadadora pontevedresa está obrigada a lograr as marcas mínimas para a cita alemá no Nacional, polo que deberá chegar nun óptimo estado de forma.
Para conseguilo Bea acudirá antes a citas de nivel como o Meeting Internacional Open de la Mediterraneé en Marsella, Francia, do 7 ao 9 de marzo, competición á que foi convocada polo Equipo Nacional de natación.
Así o notificou a Comisión Técnica da Federación Española, que citou ademais a Mireia Belmonte e Melani Costa (UCAM Fuensanta), Judith Ignacio e Marc Sánchez (CN Sabadell), Duane da Rocha (CN Mijas), Merche Peris (CN Santa Olaya), Jessica Vall (CN Sant Andreu), Alejandro García (CN Zamora) e Carlos Peralta (Real Canoe NC).
FIRMA DO CONVENIO ENTRE XUNTA E RÍAS DO SUR
Secretaría Xeral para o Deporte e Fundación Rías do Sur certificaron oficialmente o novo convenio polo que os nadadores e triatletas dos grupos de alto rendemento do Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra poderán utilizar as instalacións da piscina olímpica.
Trátase dunha ampliación do acordo que estaba en vigor dende 2006 e permitirá ampliar o horario e o espazo do que dispoñen os deportistas para adestrar en Ponte Muíños.
Este convenio terá validez ata o mes de maio de 2016, co obxectivo de preparar nas mellores condicións posibles os Xogos Olímpicos de Río.