O Pontevedra traslada as oficinas do club a Pasarón
Por Ramiro Espiño
Alleo a supersticcions, en pleno martes 13, o Pontevedra disponse a mudar as súas oficinas dende a actual sede social na rúa Benito Corbal, 16, ás novas instalacións que lle serán entregadas pola Deputación Provincial, no mesmo campo de Pasarón.
Ás 20,30 horas está previsto un acto ao que asistirán o presidente da Deputación, Rafael Louzán, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lorez, xunto cos membros do Consello de administración do Pontevedra, C.F., no que estes recibirán oficialmente as devanditas instalacións acondicionadas pola Deputación, e que serán utilizadas en diante polo club para a súa actividade administrativa.
As novas e modernas oficinas estarán situadas na primeira planta da bancada de Preferencia, xusto enriba da tenda de marchandizaxe do club, o que permitirá ter todos os servizos nunha mesma situación, ademais de atender con maiores recursos as necesidades de mantemento do estadio.
Ademais, noutro local próximo ao que ocupará o Pontevedra, instalarase igualmente a nova sede da Delegación pontevedresa da Federación Galega de fútbol, cumprindo así un dos puntos do acordo asinado entre Deputación e a Real Federación Española de fútbol, polo cal se produciu a histórica visita a Pasarón da selección nacional absoluta, ademais dos programados partidos das seleccións olímpica e sub-21, que actuarán no campo pontevedrés ao longo do próximo ano.
Aínda que nada se anunciou dende o club granate, todo fai pensar que a actual sede de Benito Corbal será desaloxada, quedando inoperativa, e o piso devolto ao seu propietario, o ex-presidente Gerardo Lorenzo, quen o tiña cedido sen custo ao Pontevedra.