Repartición de responsabilidades no novo Consello de Administración do Pontevedra
Por Diego Espiño
Case cinco horas prolongouse a primeira reunión do novo Consello de Administración do Pontevedra Club de Fútbol, celebrada nas oficinas do Estadio Municipal de Pasarón.
Os presentes, ademais de apoiar a continuidade como presidente de José Manuel Fernández, adoptaron varias decisións, segundo explica o club granate nun comunicado.
Desta forma acordouse crear catro comisións de traballo para repartir as diferentes responsabilidades entre todos os conselleiros: a deportiva, a económico-xurídica, a social e a comercial.
A primeira dela, a deportiva, estará integrada por Alberto Argibay e Roberto Feáns; a económico-xurídica terá como integrantes a José Pablo Galván e Enrique Mariño; José Antonio Millán, Manuel Ruibal e Ricardo Tilve ocuparanse da parte social; e por último Juan Abal e Luis Durán traballarán na comisión comercial.
Pola súa banda o presidente do Consello de Administración, José Manuel Fernández, realizará funcións de conselleiro executivo e relacións públicas.
Entre o resto de temas tratados no encontro destacan os xa avanzados sobre a ampliación de capital ou o correspondente á débeda coa Liga Nacional de Fútbol Profesional.