O Mareantes recupera o seu equipo feminino cinco anos despois
Por Diego Espiño
Cinco anos despois do Mareantes Rugby Club Pontevedra decidiu recuperar o seu equipo feminino.
Un total de 25 xogadoras comezaron xa os adestramentos coa intención de integrarse na Liga Galega a partir da próxima tempada, xunto aos outros sete conxuntos que xa compoñen a competición.
Segundo recoñece o presidente do club, Eloy Díaz, a iniciativa vén impulsada por "un grupo de chicas entusiastas de las categorías inferiores", que tras deixar atrás as idades de formación, se atopaban sen opción para seguir xogando ao rugby na cidade.
Neste deporte as categorías de base, ata os 18 anos, son mixtas.
O primeiro encontro que disputará o equipo será un amigable ante o Universidade de Vigo, o próximo domingo ás 12:00 no campo de Monte Porreiro, dentro do programa de actividades do Festival de San Patricio, que organiza o club.