A loita polo título pasa por Abegondo
Por Ramiro Espiño
Non é o campo máis propicio para o Pontevedra. Nas últimas tempadas a cidade deportiva do Real Club Deportivo de A Coruña, en Abegondo, viviu máis capítulos de ingrato recordo para o Pontevedra que alegrías deportivas. Pero a loita polo título pasa por terreo coruñés. O Deportivo B mide as forzas dun Pontevedra obrigado a gañar para manter o pulso polo título (domingo, 17:00 horas).
O partido será dirixido polo colexiado vigués Miguel Ángel Pérez Cabaleiro, que xa arbitrou esta mesma tempada nun encontro anterior dos granates, concretamente o que xogaron na Lomba, fronte ao Arosa, con vitoria arlequinada por 2-0.
Os deportivistas, adestrados por José Luis Devesa, están situados na zona tranquila da táboa clasificatoria, lonxe dos postos de cabeza e tamén practicamente a salvo de calquera risco de descenso, polo que non serán un rival doado para o Pontevedra, xa que, se ben cederon bastantes puntos en Abegondo, o fixeron sobre a base de empates (en sete ocasións), pero só foron derrotados unha vez, ás mans do Negreira (0-2) e diso hai xa máis de catro meses.
Tras o último ensaio semanal, realizado na mañá do sábado en Pasarón, Manu Fernández encontrouse coas baixas de Caco, Fran Fandiño e Kevin Presa, que están case a punto no proceso de recuperación das súas lesións, pero aos que non se quere forzar, optando por darlles unha semana máis de marxe.
Pola contra, o adestrador granate recupera a Miguel, tras cumprir sanción, e Adrián Gómez, xa de volta de Arxentina, tras o falecemento da súa nai, o que alivia os problemas defensivos cos que houbo de afrontar a xornada anterior.
As outras novidades na convocatoria son as baixas de Javi Otero e Benja, ambos os dous por decisión técnica, e a alta de Luismi, que volve ao equipo despois de varias xornadas de ausencia.
Dese modo, a lista de 16 convocados está formada por: Edu, Paco, Adrián, Pablo, Yago Vázquez, Miguel, David Feito, Moreira, Pablo Lede, David García, Pedro Crespo, David Pérez, Tubo, Pablo Carnero, Luismi e Kevin Levis.
Relacionadas:
-
Unha polémica arbitraxe frea o Pontevedra que cae (2-0) ante o Deportivo B en Abegondo
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado | Creada e actualizada