150 tiradores de 18 equipos participan no "Primeiro Trofeo Rías Baixas" de esgrima
Por Ramiro Espiño
Pontevedra converterase este próximo fin de semana en capital da esgrima española grazas á celebración do "I Trofeo Rías Baixas", proba puntuable para o Torneo Nacional de Ránking - sabre júnior individual e por equipos. En total serán uns 150 tiradores encadrados en 18 equipos, tanto de categoría masculina como feminina, chegados de toda a xeografía nacional os que tomen parte no evento que foi presentado hoxe, xoves, no Concello de Pontevedra polo concelleiro de deportes, Tino Fernández, a quen acompañaba Adrián Cubela, director técnico do club organizador, o Club Escola Hungaresa de esgrima Pontevedra.
O Trofeo divídese en dúas probas. O prato forte será o sábado, día 17, a partir das 10,00 horas, coa celebración do torneo estatal de categoría júnior, no que está asegurada a presenza de tiradores que, a pesar da súa curta idade, xa están encadrados na selección española absoluta de sabre, mentres que o domingo se reserva para un torneo de ránking galego de sabre nas categorías infantil e absoluta.
A clausura está prevista arredor das catro da tarde e a organización prevé que ademais de participantes, entre técnicos, árbitros e familiares visiten Pontevedra preto das mil persoas.
Tino Fernández destacou no acto de presentación que o patrocinio do Concello a este Trofeo é unha mostra máis de que "Pontevedra segue apostando pola diversidade deportiva de cidade". O concelleiro de deportes destacou tamén que a esgrima "é un deporte en alza en Pontevedra e este Trofeo permítenos aspirar no futuro á organización de campionatos estatais de maior importancia".
Pola súa banda, Adrián Cubela quixo destacar o feito de que o seu club conta xa con máis de 70 licenzas de tiradores federados e que confían en pechar este ano chegando aos 100 deportistas.