O Teucro asómase ao abismo da Primeira Nacional
Por Diego Espiño
Un triunfo e un empate nos últimos sete partidos, ou o que é o mesmo tres puntos dos últimos 14, situaron á Sociedad Deportiva Teucro ao bordo dun precipicio que o podería levar a descender á Primeira Nacional do balonmán español.
Despois dunha primeira volta brillante, os de Javier Barrios chegaron moi xustos á final da competición afectados polas lesións de homes clave, como Juan Bar ou David Chapela, e os problemas físicos dun plantel curto, o que unido á falta de fortuna en momentos apertados deixou os pontevedreses nunha delicada situación.
A falta de dúas xornadas para a conclusión da liga regular o Teucro está situado na duodécima posición, só un punto por enriba do décimo terceiro, Pozoblanco, primeiro equipo que xogaría o recén creado play-off pola permanencia.
As actuais bases de competición outorgan unha praza de descenso directo, que agora mesmo sería para o Ereintza, mentres outros tres equipos loitarán por evitar as dúas prazas restantes nunha liguilla, a un só partido con cada rival e organizada polo equipo mellor clasificado durante unha mesma fin de semana.
Esa fase pola permanencia é a que pretende evitar o bloque azul nunha loita que inclúe catro equipos que se encontran nunha marxe de só dous puntos: Pozoblanco (25), Teucro (26), Bordils (26) e Torrelavega (27).
Precisamente ante este último conxunto, o Torrelavega, xóganse os lerezanos boa parte das súas opcións o próximo sábado nunha auténtica final, pois o equipo que salga derrota pode verse seriamente comprometido.
Especialmente difícil sería a situación do Teucro de volver derrotado de terras cántabras, pois na última xornada ligueira o rival no Municipal será o campión da División de Honra Prata, o Barcelona B.
Tampouco serán doados os enfrontamentos dos seus rivais, pois o Pozoblanco debe xogar contra o Sinfín (6º), que aínda loita por entrar no play off, e un Benidorm (3º) con opcións de ascenso directo, mentres Bordils verá as caras con Amenábar (4º), que tamén debe xogar contra Torrelavega, e Barakaldo (9º).