Torrelavega, unha auténtica final para o Teucro
Por Diego Espiño
Xa non existe marxe de erro para a Sociedad Deportiva Teucro, que este sábado (18:30 horas) visita o Pabellón Vicente Trueba de Torrelavega para enfrontarse cun rival directo por salvar a categoría.
Unha derrota dos azuis podería abocarlles a xogar o play-off pola permanencia a falta do que ocorra na última xornada, na que os pontevedreses recibirán en casa ao campión da División de Honra Prata, o Barcelona B.
O encontro preséntase complicado para os pupilos de Javier Barrios pois o equipo cántabro, malia contar só cun punto máis que o Teucro, chega no seu mellor momento da tempada tras sumar 11 dos últimos 12 puntos en xogo, o que choca cos números dos azuis, cun triunfo e un empate nos sete últimos choques.
Dado o trascendente da situación os xogadores que arratran diversas molestias estarán a disposición do técnico, cuxas únicas baixas serán as de longa duración de Juan Bar e David Chapela.
Por contra nos cántabros a ausencia estará na portería, co lesionado Jacob Melián.
Os colexiados designados para este trascendental encontro son o madrileño Gardón Teixeira e o castelán leonés Martín García.