Petición de apoio do Teucro á súa afección ante o partido decisivo contra o Barcelona B
Por Diego Espiño
Só un triunfo ante o campión da División de Honra Prata, o Barcelona B, este sábado (19:00 horas) no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra pode evitar que o Teucro teña que xogar o play-off pola permanencia.
Unha auténtica final para o equipo azul, que caeu á décimo terceira praza a falta de só unha xornada para a conclusión da liga regular.
Será pois un todo ou nada para o club lerezano, que ademais tería que organizar o play-off ante Chapela e Palma del Río ou Ereintza.
Para evitalo os de Javier Barrios deben gañar e esperar que non o faga un Pozoblanco que terá como rival a un equipo que se xoga as súas opcións de ascender de xeito directo á liga Asobal, o Benidorm.
Dada a transcendencia do choque a directiva azul decidiu trasladar unha petición de apoio á súa afección, consciente do que está en xogo.
Deste modo os menores de 18 anos poderán entrar de balde no pavillón, mentres a entrada xeral para o público custará só cinco euros.
Ademais, ao igual que o anterior partido na casa ante o Bordils, cada socio da entidade poderá levar o partido a todos os acompañantes que desexe sen pagar ningún tipo de suplemento.
Todo para repetir un resultado que xa logrou a pasada campaña, cando derrotou o filial barcelonista na cidade de Lérez por 27 goles a 24.