Príncipe Felipe, listo para a pretempada
Por Diego Espiño
As chuvias do pasado inverno non deixaron avanzar á velocidade desexada as obras de remodelación do campo de fútbol de Príncipe Felipe, que a partir de agora pasa a ser de céspede artificial.
Esa circunstancia motivou que a instalación da Cidade Infantil, dependente da Deputación Provincial, non vaia estar dispoñible ata verán.
Os traballos avanzan a bo ritmo principalmente no que se refire ao terreo de xogo, que estará concluído nuns días, pero esperarase á época estival, cando os equipos inicien a súa pretempada, para estrear o campo.
O motivo é deixar rematada a obra, que inclúe tamén a construción dunha entrada directa para público e deportistas e a instalación de novos vestiarios que amplíen a capacidade de uso da instalación, que pasará a ser intensivo segundo recoñeceu o presidente provincial, Rafael Louzán.
Ademais os accesos estarán preparados para as necesidades de persoas con discapacidade e mellorarase a bancada existente dentro dunha actuación que, na súa totalidade, conta cun presuposto de 472.650 euros.
En canto ao seu uso, o primeiro equipo do Pontevedra Club de Fútbol ten previsto volver adestrar habitualmente en Príncipe Felipe a próxima tempada, xa que terá prioridade compatibilizando os horarios "coas peticións de outros clubs que tamén teñen dereito a usar esta instalación pública".