Viaxar a Portugalete co Pontevedra sairalle gratis aos afeccionados
Por Redacción
Non estará só o Pontevedra no decisivo partido de Portugalete. Aos desprazamentos que algúns afeccionados realizarán polos seus propios medios uniranse os seguidores que decidan apuntarse á viaxe organizada polo Club e que quedou perfilado a última hora da tarde do martes.
Se ben inicialmente a Asociación de Peñas, coa colaboración do colectivo Unión Granate, tiña perfilado o desprazamento, como veu facendo con motivo de diversos partidos ao longo da tempada, especialmente o último a Dorneda, no que se conseguiu encher ata cinco autobuses, nesta ocasión a organización realizarase dende o propio club, segundo o comunicado feito público, no que é de destacar que os afeccionados que se apunten ao desprazamento realizarán a viaxe de forma completamente gratuíta, sen ter que aboar cantidade ningunha, nin polo desprazamento nin pola entrada.
O financiamento do autobús, segundo se indica no mencionado comunicado do club, corre a cargo do conselleiro Ricardo Tilve. Os afeccionados que desexen desprazarse para asistir ao encontro deberán formalizar a súa inscrición nas oficinas do Pontevedra no Estadio de Pasarón. O prazo para anotarse finaliza o venres ás 14 horas. A inscrición ábrese a partir do mércores, en horario de 9 a 14 horas e de 16 a 19 horas.
No momento de inscribirse, cada afeccionado deberá aboar 5 euros, cantidade que lle será reembolsada unha vez que accedan ao autobús. Os afeccionados non terán que aboar o prezo da entrada ao partido.
O autobús sairá á 01.00 da madrugada do domingo 25 de maio, dende o Pavillón Municipal dos Deportes, con regreso ao finalizar o partido.
COMUNICADO DA ASOCIACIÿN DE PEÿAS
A Asociación de Peñas, que como se indica anteriormente tiña perfilado tamén o desprazamento, emitiu minutos máis tarde outro comunicado no que anulan a viaxe inicialmente prevista, polo que unicamente será o organizado polo propio Pontevedra que se leve a cabo. Ao respecto os responsables do colectivo manifestaban o seguinte:
"Desde a Asociación de Peñas e Acción Granate agradecemos que desde o Clube se poña a disposición dos siareiros un bus de balde, facendo súa unha idea que non era deles e informar que nos desvinculamos por compreto da responsabilidade da organización de dito desprazamento.
Seguiremos traballando para acadar axudas e transportes para vindeiros desprazamentos coma levamos facendo sos toda a tempada".