Pechar a continuidade de Minata Keita, prioridade do Arxil de cara á próxima tempada
Por Redacción
Sen tempo para descansar, tras unha brillante tempada co equipo de Liga Feminina 2 sexto e os ascensos do filial e o equipo júnior, o Club Baloncesto Arxil empezou a traballar na planificación do próximo curso.
A próxima semana o club presidido por Milagros Sanmartín comezará a falar con corpo técnico e xogadoras para pechar canto antes a composición dos equipos, segundo confirmou o coordinador deportivo da entidade, Lino Vázquez.
A intención do club é apostar pola continuidade do bloque actual, polo que se lle ofrecerá a renovación a todas as xogadoras.
O principal obxectivo pasa por atar a continuidade da pivot Minata Keita, despois do seu gran rendemento tras chegar a metade de liga ao equipo pontevedrés, polo que neste caso xa se iniciaron as conversas co seu axente.
Paralelamente a directiva arxilista busca tamén a incorporación dun novo patrocinador para cubrir o incremento nos gastos previstos con dous equipos participando en categoría nacional.