Completo o segundo autobús de afeccionados que acompañarán o Pontevedra a Portugalete
Por Redacción
Colgado o cartel de completo. O Pontevedra C.F. ten comunicado a media tarde do xoves ter pechado a inscrición para o segundo dos autobuses que se desprazarán na madrugada do domingo a Portugalete, con afeccionados granates dispostos a apoiar o equipo no seu intento de superar a eliminatoria fronte ao conxunto vasco.
En total, serán 110 os pontevedreses que se desprazarán á localidade biscaíña, nos autobuses que o club puxo a disposición dos afeccionados e que custea o conselleiro Ricardo Tilve. Os vehículos partirán o domingo, á 01:00, dende o Pavillón Municipal dos Deportes e regresarán unha vez que finalice o encontro.
Dende o club solicítase aos afeccionados inscritos que se presenten no punto de partida con polo menos 15 minutos de antelación, para evitar demoras na saída e facilitar a organización do desprazamento.
Pero a eses 110 seguidores uniranse en La Florida outro número importante de seguidores que decidiron efectuar o desprazamento polos seus propios medios, tanto en avión coma nos seus vehículos particulares, ademais dun bo número de afeccionados galegos residentes no País Vasco, que nunca adoitan faltar cando o Pontevedra xoga naquela zona.
Todo iso fai que non sexa aventurado afirmar que o Pontevedra contará nas bancadas co alento de máis de 200 persoas, ilusionadas coa posibilidade de ver ao seu equipo conseguir superar esta primeira eliminatoria de ascenso.