A tempada e o futuro pasa por Portugalete
Por Ramiro Espiño
Será un cara ou cruz. O Pontevedra xógase as súas opcións na presente tempada en só 90 minutos. Os granates necesitan unha vitoria ou un empate a máis dun gol, para seguir vivos na loita polo ascenso. Do que suceda na campo de La Florida (domingo, 11:30 horas) fronte ao Portugalete dependerá o presente e tamén o futuro inmediato da entidade granate.
O partido será dirixido polo colexiado navarro Miguel Ángel Vila Sánchez, que estará auxiliado nas bandas por Míkel Ballano Roldán e Javier Palomo Fuentetaja.
O empate a un do partido disputado en Pasarón deixa lixeiramente inclinada a balanza do lado vasco, pero no ánimo do equipo pontevedrés está superar a proba coa axuda dos seus afeccionados, que estarán presentes en número superior aos 200 no campo rival, entre os que viaxan na mesma madrugada do domingo nos dous autobuses organizados polo club, co patrocinio do conselleiro Ricardo Tilve, e os que o fan polos seus propios medios, ademais dos galegos residentes en terras bilbaínas, que non faltarán á cita.
Os granates adestraron en Pasarón na tarde do venres. Con bo ambiente e moderado optimismo, aproveitando mesmo para celebrar o aniversario de Tubo, que invitou aos seus compañeiros a pasteis unha vez finalizada a sesión.
Ademais do traballo habitual, nesta ocasión o ensaio incluíu antes de finalizar a práctica de lanzamentos dende o punto de penalti, en previsión de que a eliminatoria chegue a ter que decidirse dese xeito.
A nota negativa foi o estado de Pablo Lede, cuxo concurso está practicamente descartado, como confirmaba o mesmo xogador: "No he respondido a la medicación que estuve tomando los últimos días y creo que para el domingo seré baja, aunque viajaré con mis compañeros igual, pero no creo que juegue. Es mejor recuperar bien para estar en condiciones si como esperamos tenemos más partidos después de éste".
O xogador non ocultaba o seu malestar por non poder participar nun partido así, pero tamén o seu optimismo respecto á posibilidade de superar o Portugalete: "Estoy muy jodido porque es un partido muy importante, pero hay que estar con el equipo. Estoy convencido de que vamos a sacar un buen resultado allí, que vamos a ganar, no sé por cuánto, pero seguro que vamos a ganar el partido y la semana que viene estaremos aquí todos juntos preparando la siguiente eliminatoria".
Manu Fernández convoca aos 22 xogadores, incluído Pablo Lede que é baixa case segura
Á conclusión do traballo, Manu Fernández, que tamén se expresaba de forma optimista confiando plenamente nos seus xogadores, informaba que viaxarán os 22 xogadores que integran o equipo actualmente, incluíndo nesta aos canteranos Kevin Presa e Tomás, así como tamén a Pablo Lede, como xa adiantara o xogador, para facer piña e que todos participen dun momento tan especial como unha eliminatoria de ascenso.
A expedición granate realizará a viaxe por estrada, con saída o sábado, ás 8:00 horas. Arredor das 12:30 horas efectuarán unha parada en Gijón para realizar un pequeno adestramento nos campos da Escola de Fútbol de Mareo, cedidos polo Sporting de Gijón. A continuación, e tras a comida, continuarán viaxe ata a localidade biscaíña de Santurtzi, próxima a Portugalete, na que establecerán o cuartel xeral e onde esperan chegar arredor das 18:30 horas.