Leis Pontevedra e Marcón FSF acordan integrarse nun só club
Por Diego Espiño
Despois de aproximadamente catro meses de negociacións, as directivas de Leis Pontevedra e Marcón FSF chegaron a un acordo para integrar as estruturas de ambas as dúas entidades e traballar conxuntamente a partir da próxima tempada.
Aínda non se produciu a firma pero o acordo de unión é total "para afrontar un proyecto ambicioso que buscará fomentar y potenciar el deporte base", segundo sinala o Leis.
Dende a súa directiva Manuel Piñón confirmou a fusión, asegurando ademais que "ya hemos informado al Instituto Municipal de Deportes y sólo nos queda hablar con el concejal, con quien nos reuniremos pronto".
Desta forma o Leis Pontevedra pasará a ter "23 o 24 equipos como mínimo" na próxima tempada, cunha estrutura organizativa que separará a área feminina, que estará encabezada polos técnicos do Marcón David Barreiro e David Muñoz, e a área masculina, xestionada polo actual director deportivo do Leis, Sergio García.
Ademais do conxunto de Segunda División, o club lerezano pasará a ter equipos femininos en idade Infantil e Cadete e representación na liga Local, Provincial e Autonómica.
Pola súa banda os rapaces terán o seu máximo expoñente no bloque de Segunda B, sumando as categorías inferiores que xa posuía o Leis e as estruturas de Liga Local e Autonómica do Marcón, que pasarán a ser filiais do primeiro equipo.