O Pontevedra solicita a presenza dun delegado federativo en Granadilla de Abona
Por Ramiro Espiño
O Pontevedra sabe que se encontrará un ambiente hostil en Granadilla de Abona, no partido de volta da segunda eliminatoria da fase de ascenso a Segunda B. O 3-0 obtido na ida é un resultado esperanzador, pero os granates non queren confianzas, conscientes das dificultades do rival, do escenario e da máis que posible presión que exerza un público envorcado co seu equipo.
A transcendencia do partido xunto coas informacións que chegan dende terras tinerfeñas, especialmente algunhas declaracións por parte do actual adestrador do conxunto local, Alfonso Donate, no sentido de que o club non está en condicións de garantir a seguridade no Francisco Suárez, ao coincidir o partido coa celebración dunha romaxe popular en honor de San Antonio de Padua, levaron aos dirixentes granates a adoptar unha medida pouco frecuente, polo menos nos últimos tempos solicitando á Federación Española de Fútbol a presenza dun delegado federativo no campo, co fin de que poida emitir informe de todo o que aconteza no partido.
ADESTRAMENTO EN CANARIAS
A expedición do Pontevedra efectuará o desprazamento a primeira hora da mañá do sábado. A súa chegada a terras tinerfeñas está prevista en torno ás 13:30 horas, ao aeroporto de Tenerife Sur, para dende alí dirixirse ao hotel Aeropuerto Sur, na localidade de San Isidro, moi próximo a Granadilla de Abona, onde os de Manu Fernández establecerán o seu cuartel xeral.
Tras un lixeiro descanso, os granates realizarán unha suave sesión de adestramento, posiblemente no campo do Raqui San Isidro, club ao que se lle solicitou a cesión das súas instalacións, nunha hora aínda por determinar, en función da dispoñibilidade do campo.