Bea Gómez prepara o Europeo de Berlín participando no Circuito Mare Nostrum
Por Diego Espiño
Co Campionato de Europa de Berlín do próximo mes de agosto en mente, para o que logrou mínima en tres probas, Bea Gómez Cortés afina estes días a súa posta a punto competindo no Circuito Mare Nostrum.
Tras unha concentración en altura en Serra Nevada, a nadadora pontevedresa participou o pasado fin de semana co equipo nacional na primeira proba deste circuíto, o Meeting Internacional de Montecarlo.
Alí Bea finalizou no terceiro posto da final B dos 200 estilos (2:18.53), sexta na final B dos 200 libres (2:04.01) e nas prazas undécima e décimo terceira nos 400 libres (4:20.09) e 400 estilos (4:51.94) respectivamente.
Agora a nadadora do Club Natación Galaico afrontará, este mércores 11 e xoves 12 de xuño, a segunda das citas desta competición, o Meeting Internacional Canet na localidade gala de Rousillon.
En Francia Gómez Cortés nadará os 100 e 800 metros estilo libre e os 200 e 400 estilos, nunha competición na que tamén estará presente a ribeirense María Vilas e Luisa Domínguez, adestradora do Centro Galego de Tecnificación Deportiva.
O Circuíto Mare Nostrum pecharase os días 14 e 15 de xuño co Meeting de Barcelona.