Pasarón debe ser decisivo no primeiro asalto da final entre Pontevedra e Puertollano
Por Ramiro Espiño
Primeiro asalto da final polo ascenso. Pontevedra e Puertollano xóganse a tempada e o futuro inmediato en 180 minutos que prometen emocións fortes. Os primeiros 90 minutos terán como escenario un Pasarón (domingo: 20:00 horas) que quere volver ser o das grandes tardes, converténdose no xogador número 12 dos granates, como xa o fixo na eliminatoria anterior fronte ao Atlético Granadilla.
Pero nesta ocasión o ambiente será mesmo moi superior ao que tivo o choque co conxunto canario. A venda anticipada de entradas durante a semana rexistrou unha gran demanda, cun ritmo moi superior aos anteriores partidos de play-off, polo que se espera que as bancadas rexistren a mellor entrada dos últimos anos, mesmo rozando o cheo no estadio.
Recordemos que os afeccionados que non queiran verse atrapados nas colas de última hora, como sucedese no partido anterior, as billeteiras do campo permanecerán abertas o sábado, de 17:00 a 20:00 horas, e o domingo, día do partido, de 11:00 a 14:00 e dende as 17:00 horas ata o descanso.
O prezo da entrada é de 12 (Tribuna), 10 (Preferencia) e 6 euros (fondos) para o público en xeral, mentres os abonados haberán de pagar 5, 3 e 2 euros respectivamente, en cada unha das bancadas. Os menores de 7 anos entrarán en calquera das bancadas de Pasarón de xeito gratuíto, mentres os menores entre 7 e 13 anos tampouco pagarán, pero deberán retirar previamente, por motivos de control de aforamento, un convite como data límite ata o día do partido, ás 14,00 horas nas billeteiras do estadio.
As peñas granates velarán armas en dúas emblemáticas prazas da cidade, a Verdura e o Teucro, onde algúns se darán cita xa pola mañá, para comer e dirixirse ao partido arredor das 18:00 horas, co fin de dar a benvida ao equipo, cando chegue ao estadio.
Os granates realizaron a última sesión de adestramento na mañá do sábado, en Pasarón. A unha hora máis temperá do habitual (9:30 horas) para evitar o forte calor, comezaba o traballo, por espazo de case unha hora e media.
Manu Fernández programou un adestramento lixeiro, insistindo especialmente en disparos dende fóra da área por parte de todos os seus homes e dende todas as posicións, tanto en carreira e xogada como en accións a balón parado.
O técnico pontevedrés ten as baixas de Yago Vázquez, sancionado pola expulsión sufrida en Tenerife no partido de volta co Atlético Granadilla, ademais de Luismi, que o martes pasará polo quirófano para eliminar eses problemas de xeonllo que lle impediron estar co equipo neste momento clave, e de Caco, que nin sequera puido finalizar o traballo cos seus compañeiros.
Quédanlle polo tanto 19 xogadores dispoñibles, aínda que quizais a dúbida a resolver é se haberá cambios no centro do campo, para dar entrada a Pedro Crespo, recuperado dos problemas físicos que lle impediron viaxar a Tenerife, ou mesmo a Pablo Lede, ou ben opta por dar continuidade ao once que actuou con tanta solvencia o pasado domingo.
O ambiente entre os granates é inmellorable. Hai ganas de facer un bo partido e conseguir un resultado que lle permita viaxar con garantías dentro de sete días ata Puertollano. Saben que será complicado, pero tamén que están en condicións de lograr un ascenso que para todos eles sería un sono.
O Pontevedra repite plan e concéntrase a mediodía do domingo nun hotel da zona da Lanzada
Como xa fixera fronte ao Atlético Granadilla, o técnico pontevedrés non facilitou a lista de convocados á finalización do adestramento, repetindo a folla de ruta que tan bo resultado deu fronte aos canarios. Dese modo, todo o equipo se reunirá a mediodía do domingo nun hotel da zona da Lanzada para xantar xuntos, descansar e recibir as últimas instrucións, coa preparación do partido, desprazándose a Pasarón un par de horas antes da fixada para o comezo.
O trío arbitral designado para dirixir o partido será do colexio asturiano, con José Luis López Abelleira como árbitro principal, auxiliado nas bandas por Hilario Riesgo Souto e Pablo Cano Turienzo.