A ría será sede da Pontevedra Rowing Cup, unha nova competición de remo, no mes de novembro
Por Redacción
A Ría de Pontevedra acollerá os vindeiros 1 e 2 de novembro una nova competición de remo. Trátase da denominada Pontevedra Rowin Cup, unha proba que formará parte da Semana de vela e remo 2014 organizada por Abanca en distintas cidades galegas e portuguesas como Vigo, A Coruña ou Matosinhos. Serán en total cinco competicións de vela e dúas de remo, estas últimas en Pontevedra.
Os concellos de Poio, Marín e Pontevedra, así como a Deputación de Pontevedra, serán os patrocinadores deste evento, segundo explicaron o secretario xeral da Semana de Abanca, Manuel Pedro Seoane, e o presidente en funcións da Federación Galega de Remo, Manuel Seijas. Ambos reuníronse co alcalde da capital, Miguel Anxo Fernández Lores, para concretar a participación de Pontevedra nesta competición.
Trátase dunha proba contra o reloxo que se celebrará na ría de Pontevedra, entre a illa de Tambo e As Corbaceiras, para cubrir unha distancia duns 6.500 metros.
A competición masculina será de 8+, modalidade de punta de oito tripulantes e sempre leva temoneiro. Sóese considerar a proba raíña do remo por ter maior velocidade e espectacularidade que o resto. Entra nesta modalidade a afamada regata Oxford-Cambridge. A proba feminina é de 4 Scull (bote de couple de catro remeiros).
Fernández Lores acordou apoiar estas probas para promover o remo na cidade, coa idea de ir incrementando a participación de clubs. De feito, os seus organizadores avanzaron que a intención a un futuro próximo é convertela nunha competición internacional coa participación de clubs estranxeiros.