David Cal clasifícase para a final do C-1 1.000 no primeiro día do Mundial de Moscú
Por Redacción
O Campionato do Mundo de Piragüismo en Augas Tranquilas de Moscú pechou a súa primeira xornada, na que dúas embarcacións con deportistas galegos se clasificaron para as súas respectivas finais.
Un deles foi o cinco veces medallista olímpico David Cal, que a pesar de non se encontrar nun momento óptimo de forma se meteu entre os mellores dun disputado C -1 1.000 metros.
Cal meteuse con apuros na semifinal ao ser sexto na súa eliminatoria, pero tirou de experiencia para certificar a súa presenza na quenda definitiva polas medallas.
Tamén estará na final Ana Varela (Kayak Tudense) xunto ás súas compañeiras do K-4 500 María Corbera, Isabel Contreras e Eva Barrios, despois de lograr un terceiro posto nas eliminatorias e unha segunda praza na súa semifinal.
Non tiveron a mesma sorte André Oliveira e Yeray Picallo (Náutico Firrete) no C-2 500, cun sétimo lugar na semifinal que lles relega á final B, mesmo destino que o canario do Kayak Tudense Víctor Rodríguez xunto a Diego Cosgaya no K-2 1.000 metros.
A competición mundialista estase a disputar na canle de remo e piragüismo de Krylatskoye, lugar que foi sede destas disciplinas nos Xogos Olímpicos de 1980.
Relacionadas:
-
Os piragüistas galegos despídense do Mundial sen medallas pero con boas sensacións
Por Redacción |
-
David Cal e Ana Varela, lonxe das medallas nas primeiras finais do Mundial de Moscú
Por Redacción |
-
Protagonismo galego no Mundial de piragüismo de Moscú
Por Redacción |
-
David Cal, Tono Campos, Diego Romero e Adrián Sieiro, rumbo a Moscú para o Mundial de piragüismo
Por Redacción |