O Centro BTT Salnés cumpre tres anos pensando en ampliar rutas
Por Diego Espiño
Presidente da Deputación, directora de Turismo de Galicia e alcaldes de Meis, Ribadumia e Meaño visitaron este mércores o Centro BTT Salnés, situado no campo de golf de Monte Castrove, cando se cumpren tres anos da súa posta en funcionamento.
A instalación ofrece servizos aos usuarios que queiran gozar da bicicleta de montaña na zona, dando acceso a vestiarios, zona de limpeza de biciletas e mesmo aluguer destas e de cascos.
Con dez rutas de diferentes niveis que suman "máis de 100 quilómetros", o centro está a funcionar "a pleno rendemento", defendeu o presidente provincial, Rafael Louzán.
A pesar da valoración positiva o rexedor de Meis, José Luis Pérez, recoñeceu que o centro, primeiro dos habilitados en Galicia, "necesita un impulso" que pasa por crear novas rutas.
A este respecto estase a traballar en novas propostas pero "son os técnicos os que teñen que estudialo", declarou Pérez. En todo caso "case todo iria por monte comunal pero si me preguntas si vai haber algún problema non vai haber ningún", sinalou o alcalde.
Pola súa banda a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, referiuse á campaña de promoción posta en marcha para dar a coñecer estas rutas, que contan con vistas panorámicas das rías de Pontevedra e Arousa e patrimonio cultural como o Mosteiro da Armenteira. Entre as accións previstas, repartir 1.500 bidóns entre os visitantes aos diferentes centros destas características en Galicia.
MELLORA DOS ACCESOS
Rafael Louzán aproveitou a visita para sinalar que o paso de La Vuelta polo Monte Castrove levará consigo unha mellora dos accesos ao campo de golf e centro BTT, moi deteriorado na actualidade, acondicionamento que se repetirá por diferentes estradas provinciais polas que pasará a caravana ciclista.