Cuarto título mundial para Javier Gómez Noya tras finalizar terceiro en Edmonton
Por Redacción
Por cuarta vez na súa carreira Javier Gómez Noya proclamouse campión das Series Mundiais de Tríatlon grazas a un terceiro posto na Gran Final de Edmonton.
En Canadá o galego valíalle con finalizar en cuarto lugar sen pensar nos resultados dos seus rivais, e con esa tranquilidade saíu a competir logrando que o campionato non perigase en ningún momento.
O triatleta afincado en Pontevedra saíu da auga na décimo sétima posición, situándose no grupo de cabeza ao inicio do sector ciclista.
A proba non resultou moi rápida no seu primeiro tramo, o que propiciou que se formase un gran pelotón na bicicleta. Nas últimas voltas deste sector escapouse un trío con Alistair Brownlee, Colucci e Blummenfelt, circunstancia que non inquietou a Gómez Noya.
Chegaron á última transición cun minuto e 18 segundos de vantaxe. Non obstante Colucci e Blummenfelt descolgáronse e pronto foron alcanzados polos tres de favoritos para a xeral, con Gómez Noya, Mario Mola e Jonathan Brownlee.
Por diante o seu irmán Alistair camiñou firme cara ao triunfo en Edmonton (1:48:44), mentres no grupo perseguidor estaba todo decidido. Mola (1:49:04) e Gómez Noya (1:49:07) descolgaron a Jonathan Brownlee para entrar en segundo e terceiro lugar respectivamente e asegurar un dobre histórico, dous españois no máis alto das Series Mundiais, co mallorquino no segundo caixón do podio final.
Con este resultado Pontevedra volverá presumir, polo menos un ano máis, de contar nas súas rúas con todo un campión do Mundo de triatlon.
Relacionadas:
-
Honras de campión para Javier Gómez Noya
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
O Concello de Pontevedra patrocinará a Javier Gómez Noya durante os dous próximos anos
Por Alejandro Espiño |
-
Suma e segue para Gómez Noya, campión do Mundo de medio Ironman
Por Redacción |
-
Gómez Noya retírase en Estocolmo pero mantense líder a falta da Gran Final
Por Redacción |
-
Rajoy e Gómez Noya, de ruta xuntos por Ribadumia para animar a practicar deporte
Por Redacción |