Goleada do Marcón, triunfo do Portonovo e derrotas de Villalonga, Céltiga e Pontevedra B na estrea de Preferente
Por Redacción
O espectáculo da Rexional Preferente arrancou este fin de semana coas primeiras sorpresas. A principal o xeito de debutar na categoría do Marcón Atlético.
O equipo pontevedrés goleou a domicilio ao Pontellas nun partido no que se mostrou contundente e que chegou a dominar por 0-4 grazas aos goles de Aarón (2) e Gelillo (2).
Os locais maquillaron o marcador no tramo final por medio de Zalo e Pablo Cousido, pero non conseguiron amargar unha estrea que enche de moral aos de Carlés de cara ao principal obxectivo da tempada, lograr a permanencia na categoría.
Tamén gañou na primeira xornada o Portonovo, que se impuxo ao Verín no campo de Baltar grazas a un solitario gol de Hugo Soto aos 8 minutos de xogo.
Os arlequinados conseguiron conservar a vantaxe a pesar de xogar unha hora cun futbolista menos por expulsión de Agra.
Os que non empezaron con tan bo pé foron Villalonga, Céltiga e Pontevedra B, con senllas derrotas, nos dous primeiros casos xogando como local.
No caso do Villalonga, os celestes mereceron mellor premio e gozaron de ocasións, pero o Lalín mostrouse máis efectivo e levouse os tres puuntos de San Pedro (0-1).
Tamén pola mínima caeu o Céltiga ante o Estradense. Os da Illa adiantáronse a 15 minutos para o final con gol de Berto, perto o conxunto visitante remontou nos últimos dez minutos (1-2).
Por último o Pontevedra B viuse superado polo Gondomar (3-1), que pronto se puxo con dous goles de vantaxe, e aínda que o filial granate reduciu distancias antes do descanso, os locais sentenciaron na reanudación.