Pleno para o Portonovo, empate a domicilio do Villalonga e segunda derrota do Pontevedra B
Por Redacción
Ademais do empate do Marcón Atlético no Carrasco, nun partido no que recibiu a copa de campión de Primeira Rexional, a Preferente deixou outros resultados destacados na súa segunda xornada de liga.
Na parte alta sitúase dende o comezo o Portonovo, que sumou na Estrada o seu segundo triunfo da tempada noutros tantos partidos derrotando ao Estradense grazas a dous goles de Hugo Soto na primeira metade.
Os arlequinados tiraron de pegada para lograr vantaxe no marcador e non pasaron excesivos apuros para asegurar o resultado, que os sitúa na terceira praza cos mesmos puntos que o líder, o Gondomar, e o segundo clasificado, o Valladares.
Precisamente o Valladares goleou a domicilio (0-3) a un Pontevedra B que cae ata a última praza ao non ter logrado sumar polo momento ningún punto.
Pola súa banda o Villalonga estreou o seu casilleiro cun empate sen goles no campo do Verín e sitúase na décimo sexta praza.
A próxima xornada Portonovo e Marcón enfrontaranse en Baltar, o Villalonga recibirá ao Estradense, o Céltiga ao Erizana e o Pontevedra B visitará ao Arenteiro.