Richi e Jacobo únense a Iago Paz e Pacheco na enfermaría granate
Por Ramiro Espiño
Crecen os problemas para Milo Abelleira en forma de lesións. Á baixo de Iago Paz, que segue sen recuperarse da súa lesión nos isquiotibiales, e a intervención a que foi sometido Pacheco, baixa por catro meses, a enfermaría granate suma dous novos hóspedes: Richi e Jacobo, que remataron o adestramento do xoves con problemas ao sufrir senllas torceduras de nocello que lles converten en dúbida para o partido do domingo, fronte ao Dorneda.
No ensaio do xoves, realizado en Pasarón, Iago Paz seguiu o seu traballo á parte do grupo, baixo a supervisión da fisioterapeuta, Nerea Videira, pero o seu estado non mellora o suficientemente rápido, o que aconsella reservalo para evitar un posible agravamento da lesión.
Pacheco, pola súa banda, recibiu a alta hospitalaria e quixo pasarse polo estadio para saudar os seus compañeiros, cos que chanceou á par que lles agradeceu os ánimos que lle deran nestes días, dende o mesmo momento en que soubo a gravidade da súa lesión.
Pero o ensaio non estivo exento de sobresaltos. O primeiro deuno Richi, que no adestramento do mércores sufriu un par de golpes e unha lixeira torcedura no seu nocello esquerdo. Aínda que comezou o traballo co grupo, aos 15 minutos houbo de retirarse á banda, con molestias que fan temer que poida estar dispoñible.
E practicamente na última acción do adestramento chegaba outro contratempo cando Jacobo chocaba con Sestelo e producíase tamén unha escordadura no seu nocello. Aínda que se retirou polo seu propio pé, haberá que esperar un par de días para ver como evoluciona e saber se poderá estar plenamente recuperado.
En canto ao grupo, Milo probou cun once sen apenas variacións con respecto ao que empatou en Santiago, polo que, se Jacobo se recupera, o único cambio podería ser o regreso ao equipo titular de Stefan, en detrimento de Tubo, que traballou co equipo que formaban os menos habituais.