Nova reválida granate fronte a un sorprendente Xuventú Sanxenxo
Por Ramiro Espiño
Vencer e convencer. Ese é o obxectivo do Pontevedra que recibe o domingo a un sorprendente líder, o Xuventú Sanxenxo (18:00 horas, en Pasarón), con arbitraxe do colexiado coruñés Adrián García Rodríguez.
Os antecedentes de enfrontamentos ligueiros entre ambos os dous equipos redúcense á tempada 2011/2012, con vitorias granates en Baltar de Arriba (0-2) e Pasarón (2-1), sendo a actual a segunda tempada na que ambos os dous clubs coinciden na mesma categoría.
Os de Anxo Oliveira presentan uns números moi similares ao Pontevedra. Cun punto máis o Sanxenxo que os granates e liderando de forma sorprendente a táboa clasificatoria, ambos os dous conseguiron os mesmos goles (oito), se ben o conxunto de Manu Fernández encaixou un tanto máis (cinco) que o equipo amarelo (catro).
Con tres vitorias no seu feudo de Baltar de Arriba, nos tres partidos disputados, a primeira delas tendo que ser referendada nos despachos tras obtela no terreo de xogo pola reclamación do Choco, o Sanxenxo está a ter máis dificultades nos desprazamentos, onde suma unha derrota (en Cangas) e un empate (en Bouzas), se ben o máis rechamante é a goleada que lle fixo encaixar a pasada xornada a todo un aspirante ao título como é o Cerceda.
O técnico amarelo ten a baixa de Diego Peña, que deberá cumprir a sanción pendente da primeira xornada de liga, tras a resolución da xuíza única de competición, mantendo as dúbidas de Dani Muradás e Suso Vidal, con problemas físicos, aínda que podería contar xa co mozo interior esquerdo, Rubén Martínez, cedido polo Arosa, que xa viña adestrando co equipo dende días atrás.
Manolo Veiga (presidente do Sanxenxo): "O normal é que o Pontevedra gañe pero imos coa ilusión de competir"
Para Manolo Veiga, presidente do Xuventú Sanxenxo, será un partido "moi complicado. O normal é que o Pontevedra o gañe pero imos coa ilusión de competir. Intentaremos non saír moi feridos no aspecto anímico, aínda que iso non significa que vaiamos pensando en perder senón en gozar. Iso si, está claro que non é nosa liga. Quero que os xogadores estean ilusionados pero que pase o que pase sigan coa mesma ilusión para o domingo seguinte".
En canto ao Pontevedra, que realizou o último ensaio preparatorio na tarde do venres no sintético da Xunqueira, Manu Fernández ten unicamente a baixa de Tubo, por lesión, e malia poder contar con Jacobo, tras cumprir sanción, optou por dar continuidade ao bloque que xogou e venceu o pasado domingo en Ribadumia.
Por iso, a lista de convocados para o partido está formada por: Lloves, Edu, Adrián, Campillo, Pablo, Capi, David Feito, Pedro García, Kevin Presa, Fran Fandiño, Mouriño, Centrón, Anxo, Luismi, Pablo Carnero e Jorge, quedando fora Tomás, Jacobo e Benja.