Esperan unha boa entrada para ver o Celta en Pasarón
Por Oskar Viéitez
As deputadas Begoña Estévez e Ana Isabel Vázquez, a presidenta do Pontevedra F.C, Lupe Murillo, e o conselleiro do Celta C.F., Antonio Rosendo, presentaron este luns o Trofeo Luis Otero que disputarán o Celta e o Pontevedra o vindeiro mércores, día 12, ás 20,44 horas, no Estadio de Pasarón, en Pontevedra.
"El Pontevedra está en un buen momento y el Celta en un momento superlativo", sinalou Lupe Murillo. Ante este "partidazo" espérase unha boa entrada. Segundo confirmou o conselleiro do Celta, o adestrador 'Toto' Beritzzo aproveitará a ocasión para "dar algúns minutos" aos xogadores suplentes. Ao igual que fará o técnico granate Luisito.
Neste sentido a presidenta da entidade granate restou importancia á polémica suscitada polo suplemento que se lles vai cobrar aos subscritores e que custará 2 euros nos fondos e 5 euros nas bancadas de Preferencia e Tribuna "lo que pasa es que genera unos gastos este partido y mi reto es sanear este club en tres años y no voy a generar ningún agujero más en este club", afirmou.
Un trofeo que, según Rosendo, conta con longa historia, notable prestixio e diversas participacións do Celta de Vigo. Pola súa banda, Lupe Murillo mostrou o seu agradecemento ao clube vigués e á Deputación por posibilitar unha nova edición.
O Trofeo Luis Otero naceu en 1959, catro anos despois do falecemento do deportista pontevedrés que lle dá nome. Ten un dobre valor, "por unha banda é un recoñecemento e unha homenaxe á valía deste histórico futbolista e, por outra, permite á cidade contar cada ano cun partido de alto nivel".
Ana Isabel Vázquez sinalou que "a iniciativa permite, ademais, manter viva a memoria de Luis Otero para que sirva de exemplo e aliciente para todos aqueles que nesta provincia aman o deporte do balón". Nesta ocasión, o trofeo non se desenvolverá, como vén sendo habitual, nos meses de verán, senón que ten lugar xa coa liga en pleno funcionamento, pero non por iso perde interese nin expectación, máxime se temos en conta que vai medir aos equipos das dúas principais cidades da provincia.
Ao longo da historia teñen pasado por este torneo equipos os principais equipos galegos, pero tamén destacados clubs do panorama nacional e internacional, como o Real Betis, o Racing de Santander, o Rayo Vallecano ou o Sporting de Gijón, así como o fútbol Club Oporto, o Club Estudiantes de La Plata (Arxentina), o Sporting Club de Braga e incluso a Selección Nacional de Hungría.