Un torneo de baloncesto diferente
Por Redacción
Unha competición de baloncesto 3x3 "educativa, adaptada e deseñada especialmente para a ocasión". Así define o Club Baloncesto Estudiantes Pontevedra o torneo Nova Escola, que acaba de poñer en marcha.
Na súa primeira xornada máis de 60 nenos en idade prebenxamín e benxamín, repartidos en 16 equipos, participaron na Xunqueira nos diferentes partidos por espazo de máis de dúas horas e media.
Xogáronse ata 40 encontros cunha filosofía de xogo diferente. En cada partido había tres opcións de vitoria, a primeira a habitual, a do equipo que logra un maior números de canastras, e a segunda e a terceira ligadas a palabras como xenerosidade e espírito. Así se outorgaron puntos aos equipos con máis asistencias para favorecer o xogo en equipo, ao que destacaba en xogo limpo ou aos que máis empeño poñían en animar a asus compañeiros.
Trátase de fomentar actitudes de axuda entre os compañeiros, así como evitar protestas cara as decisións arbitrais.
Adaptáronse catro canchas de xogo para desenvolver partidos simultáneos, organizándose ademais actividades e xogos para os nenos que non se encontraban en competición.
Ao termo do torneo todos os equipos gozaron dunha merenda en grupo.
A actividade Nova Escola terá continuidade o próximo sábado 13 de decembro.