Marín prepárase para recibir ao mellor ciclocrós galego
Por Redacción
Despois dun parón de varias tempadas o Club Ciclista Marín celebrará este sábado 13 de decembro, por terceiro ano consecutivo, o Trofeo de Ciclocrós Ría de Marín, que chega así á súa décimo terceira edición.
A proba reunirá os mellores ciclistas galegos da especialidade nas categorías Cadete, Júnior, Elite e Sub-23, ademais das categorías Máster.
Entre eles estará Irene Trabazo, que recibirá unha merecida homenaxe tras asegurarse a pasada fin de semana matematicamente o título de campioa da Copa España de Ciclocrós no seu primeiro ano na categoría Júnior.
A marinense, que levaba unha traxectoria case perfecta na competición, finalizou terceira en Igorre para lograr a que é tamén a súa terceira Copa de España, tras as logradas en idade cadete en ciclocrós e en estrada.
O Ciclocrós Ría de Marín disputarase na Barriada Virxe do Carme (Barriada de Suboficiais) e terá categoría nacional, adxudicando puntos para o ranking nacional.
A competición arrancará ás 15:00 horas coas probas cadetes, seguindo as 16:00 horas coas categorías Máster e finalizando con Júnior, Sub-23 e Elite ás 17:00 horas.
Como novidade na presente edición o Club Ciclista Marín, coa colaboración do Concello, igualará os premios en metálico entre as categorías masculinas e femininas.