O Teucro prepara o encontro co Alcobendas como unha final
Por Diego Espiño
Coma se fose o último partido da tempada, así afronta o Teucro o seu compromiso do sábado ante o Balonmano Alcobendas no Municipal, e é que despois do choque os de Javier Barrios non volverán competir ata o mes de febreiro. O Mundial que organiza España obriga a un parón na liga de máis dun mes.
Un triunfo dos pontevedreses colocaríalles nunha posición de partida inmellorable para encarar o tramo final de competición, lonxe dos postos perigosos e a tiro de pedra do play-off de ascenso á Liga Asobal. Pero o máis positivo para o técnico teucrista é o tempo que terá para recuperar aos xogadores que arrastran molestias dende principio de tempada.
A enfermería, gran problema do equipo as últimas semanas, parece que empeza a baleirarse. Siscu, César Armán e Miguel Porto poderían volver á convocatoria logo de haberse perdido o encontro de Puente Genil, e ata Carlos García, lesionado desde a pretemporada, podería recibir o alta esta semana.
Recollida de alimentos para o comedor de San Francisco
O club decidiu pedir a colaboración dos seus socios e afeccionados na colleita que organizará no Municipal coincidindo co partido ante o Alcobendas a beneficio do comedor social de San Francisco. A directiva anima a que os asistentes ao encontro doen polo menos dous quilos de alimentos non perecedoiros. Para animar á cidadanía o Teucro rebaixará a metade do prezo da entrada aos que se somen á iniciativa, mentres os socios poderán levar un acompañante de xeito gratuíta.