A falta de puntaría lastra o Arosa (0-0) na súa visita ao Bertamiráns
Por Redacción
Ocasións falladas, gol anulado e grande actuación do porteiro local, José. Contra todo iso se estrelou o Arosa, deixando escapar dous valiosos puntos no campo do pechacancelas Bertamiráns, nun partido dominado polos arlequinados, moi superiores en todo, menos no remate.
Por se fose pouco, á súa falta de puntaría uniuse na segunda parte as dificultades engadidas por un campo encharcado que se converteu nun aliado dos locais, no seu obxectivo de defender a súa área acumulando homes e confiando a súa sorte á falta de inspiración dos dianteiros arousanos e á posibilidade de lanzar algunha contra.
E pouco faltou para que, despois das ocasións de Quique Cubas e Rivas, o Bertamiráns se adiantase na primeira parte, nunha xogada de Coria que rematou cun remate excesivamente cruzado.
O Arosa intentouno aínda máis na segunda parte, pero sen acerto no remate final. Quique Cubas de novo, Capelo ata en tres oportunidades e Eloy, fallaron ante a meta local. Por se fose pouco Rivas non acertou na área pequena e sen porteiro e o mesmo Rivas viu como o colexiado o anulaba un gol por fóra de xogo, tras rematar de cabeza unha falta botada por Adrián Camiño.
Ao final, repartición de puntos que de pouco serve a un Bertamiráns case sentenciado, pero que frea o Arosa na súa loita por obter praza entre os catro primeiros.
BERTAMIRÁNS FC (0): José, Alberto, Gabriel, Saúl, Jonatan, Jaime Trigo, Adrián, Diego (Alejandro, min. 59), Coria, Brais e Juan (Pazos, min. 89).
AROSA SC (0): Lucas, Santi, Álex Freire, Martín, Juan Rodríguez, Pablo Rivas, Fernando (Javi Pazos, min. 80), Capelo, Quique Cubas (Eloy, min. 60), Adrián Camiño e Yago.
Árbitro: Alejandro Del Río Amor (A Coruña). Amoestou a Quique Cubas, Javi Pazos e Álex Freire no Arosa.
Incidencias: Partido disputado no Estadio Municipal de Bertamiráns. Uns 100 espectadores).