O Galaico, mellor club do Campionato Galego Júnior de natación
Por Redacción
Con só oito nadadores en competición, catro rapazas e catro rapaces, o Club Natació Galaico proclamouse mellor equipo do Campionato Galego Júnior de Natación, celebrado a pasada fin de semana na piscina Rosario Dueñas de Ourense.
O club pontevedrés contaba con menos deportistas que algúns dos seus rivais, pero finalizou con 626,5 puntos por diante San Amaro (591,5) e Pabellón Ourense (394,5) grazas ao segundo posto do equipo feminino e tamén do masculino.
Ademais das medallas, o máis positivo para os pontevedreses foron as marcas logradas, que en moitos casos supoñen a mínima para o Nacional que se disputará dentro de dúas semanas en Cádiz.
Pola súa banda os infantís do Galaico lograron a quinta posición da xeral na categoría infantil.
En canto aos nomes propios Nuria Erselle logrou senllos ouros nos 100 e 200 costas; Águeda Cons foi ouro nos 100 libre e prata nos 400 estilos; Inés Gómez foi segunda nos 400 e 800 libre; Lara Gómez logrou o bronce nos 200 bolboreta e Daniel Sánchez ouro en 400 estilos, prata en 100 costas e bronce en 400 libre e 200 estilos. Todos eles en categoría júnior.
En infantís Juan David Hernández foi ouro nos 200 braza e bronce nos 100 libre, 100 bolboreta e 200 estilos; Cibrán Leal bronce en 100 e 200 braza e Carla Goyanes ouro nos 200 bolboreta.
Ademais o relevo masculino júnior composto por Daniel Sanchez, Jacobo Ucha, Tomás Bouzas e Miguel Gallego impúxose no 4x100 e o 4x200, mentres o feminino composto por Nuria Erselle, Agueda Cons, Lara Gómez e Ines Gómez fixo o proio nos 4x100 libre e 4x100 estilos.
En categoría infantil o relevo 4x100 estilos masculino (Fran Castro, Cibran Leal, Juan David Hernández e Alejandro Torres) foi terceiro.
Pola súa banda, sen lograr medalla, Hernán Cons logrou a mínima para o Nacional nos 200 estilos.