O Campionato de España Máster de Natación reunirá en Pontemuiños a 1.270 deportistas
Por Diego Espiño
Pontemuiños prepárase para acoller dende este xoves 19 e ata o domingo 22 de febreiro o Campionato de España Máster de Natación, coa presenza de 1.270 nadadores.
Un total de 134 clubs comparecerán no campionato, con deportistas que oscilan entre os 24 e os 90 anos de idade.
Algúns dos participantes chegará ademais desde o estranxeiro ao tratarse dun evento de categoría 'open'.
A cita foi presentada este luns no Complexo Deportivo Rías do Sur, coa presenza do concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, o presidente da Federación Galega de Natación, Carlos Bremón e o xerente de Supera, Julio Pita.
Tamén estaba alí José Miguel Cano como presidente do Natación Galaico, club organizador do campionato, que quixo animar aos pontevedreses a sumarse ao evento "para que vean que se puede hacer natación hasta que el cuerpo aguante".
Entre os participantes atópanse 13 nadadores do club local: Francisco de Becerrea, José Manuel García, Luis González, Ami Hall, Julio Jacomé, Daniel López, Antonio López, Rubén Madrigal, Xosé Luis Márquez, Ángeles Míguez, Guadalupe Pérez, Ángela Rodríguez e José Luis Teixeira.
O campionato comezará ás 14:30 horas do xoves e terá xornadas intensivas venres e sábado (de 9:00 a 20:45 horas aproximadamente) para rematar cunha xornada matinal o domingo (9:00 a 15:45 horas).